Tuesday 07 de May de 2024

Alumnos dos colexios O Grupo e Galaxia familiarízanse coas instalacións municipais


Alumnos dos colexios O Grupo e Galaxia aproveitaron o día de hoxe para realizar visitas a diversas instalacións municipais e familiarizarse con distintos servizos.

Os primeiros en aparecer foron 50 alumnos de 3º de Educación Infantil do CEIP O Grupo de Santa Uxía de Riveira, quen, no marco do programa “Coñece o teu contorno próximo” visitaron ás 9.30 horas as instalacións do Consistorio Local, onde foron recibidos polo concelleiro de Atención Cidadá, Emilio Pérez Outeiral. Alí percorreron diversas dependencias como a Oficina de Atención Cidadá ou a área de Urbanismo.

A continuación desprazáronse ata o Centro Cultural Lustres Rivas, onde tiveron ocasión de ver a exposición “Kaizen” de Fernando e Hugo Yáñez, e a Biblioteca Municipal.

A visita dos cativos concluíu ás 11 da mañá, hora na que acudiron ao Lustres Rivas outros 50 rapaces do colexio Galaxia, esta vez de 1º e 3º de ESO, os cales contemplaron a mostra dos Yáñez e facer un pequeno repaso polo mundo da historia da arte coa participación da responsable municipal de Normalización Lingüística, Alicia Padín.